Entrevista a Luis Cardoso


Esta entrevista foi publicada polo xornal 'A Nosa Terra' a semana do 13-09-99 ao 19-09-99.



Luís Cardoso, do Consello da Resisténcia de Timor

`O Referendo foi unha concesión dos timorenses, non unha conquista´

O escritor timorense Luís Cardoso, 40 anos, membro do Consello nacional da Resisténcia Timorense, fuxira da sua casa de Kailaco, nas montañas á beira de Timor Occidental, na masacre de 1976. Para recabar solidariedade e apoios, visita estes dias Galiza, invitado pola CIG. Próximamente volverá a estar no noso país convidado por Galiza Nova. Luis Cardoso

P - Timor é a única colónia portuguesa á que se consultou se queria ser independente.

R -Despois da Revolución dos Cravos, no proceso de descolonización non houbo referendo para Guinea Bissau, nen para Cabo Verde, Angola ou Mozambique. Todos estes paises pasaron a seren independentes. Timor teria a mesma sorte de ser independente se non chegase Indonésia a crebar o proceso. Como Indonésia impediu a independéncia a traveso dunha invasión brutal que causou máis de 250.000 mortos, tivemos que loitar por ela. Durante ese proceso, as Nacións Unidas produciran dez resolucións, sete da Asemblea Xeral e tres do Consello de Seguridade, que Indonésia ignorou. No 97, co descalabro económico dos chamados Tigres Asiáticos, despois da destitución de Suharto e pola presión internacional, a ONU decideu facer o referendo. Nós timorenses, sabiamos que non se pode perguntar a un povo que loita desde hai 25 anos pola sua liberdade se quer ser independente. O referendo para nós foi unha concesión da resisténcia timorense: se é esta a única forma de chegar a independéncia, até vamos facer o referendo. Concordamos coa ONU, co Estado que descoloniza e coa poténcia invasora, Indonésia. Foi unha concesión, non unha conquista.

P -Como puido a ONU encargar a seguridade do referendo a Indonésia?

R -Indonésia asumiu unha posición de forza porque tamén consideraba estar a facer unha concesión á ONU co referendo. Polo tanto exixiu ter conta da seguridade durante a consulta. Os timorenses sabiamos dos riscos. Cando o Governo portugués perguntou a Xanana Gusmão se estaba dacordo, el dixo que si porque o máis urxente era demostrar a todo o mundo que o povo timorense queria a independéncia. Exiximos á ONU que tomase precaucións. Sabiamos que o povo de Timor votaria en masa pola independéncia e que haberia represálias por parte de Indonésia.

P -O tempo vai agora contra os timorenses.

R -É urxente a intervención da ONU que debe correxir o que antes non fixera: precaverse contra as arbitrariedades do exército indonésio. Tendo en conta as posicións da ONU a respeito de Kuwait, mesmo a sua indulxéncia coa intervencion da OTAN en Kosovo, ten que intervir urxentemente en Timor onde hai unha verdadeira catástrofe. Máis de 200.000 persoas fuxidas as montañas están a morrer de fame e miséria; os que foron deportados para o Timor indonésio están en auténticos campos de concentración aos que nen xornalistas nen organizacións humanitária ten acceso; as milícias indonésias identifican aos que votaron pola independéncia e pola noite e durante a noite van buscalos. Os militares indonésios sabian que en auséncia da ONU, a igrexa era o único refúxio para os timorenses e por iso queimaron a sede arzobispal e moitas igrexas e mataron freiras.

P -E Indonésia pode prolongar o desastre.

R -Despois de aceitar a intervención internacional, Indonésia pon condicións e exixe que sexa unha forza composta polos seus amigos: unha cosa nostra. Esta pretensión ten como obxectivo que se perda tempo. Non queren a Estados Unidos, nen a Austrália nen a Portugal, que dacordo co regulamento da ONU é a poténcia administradora. Queremos que o Estado español e o Governo e o povo galego comprendan que estamos asistindo a xenocídio que debemos denunciar. Eles poden pedir a entrega urxente de axuda humanitária e dunha forza da ONU para garantir a seguridade e realizar o resultado do referendo. Cada segundo que pasa, cada hora que pasas morren persoas de fame ou baixo as armas do exército indonésio. Non poden perden o tempo en discusións con Indonésia sobre se entran ou non os seus amigos. Bill Clinton ven de darse conta e di que está estarrecido polo que acontece en Timor. Son palabras que non ten efecto prático. se as poténcias occidentais que coñecian ben o xenocídio de Timor-Leste nunca fixeran nada, á vista do voto masivo do referendo ten todo o deber moral de axudar a que se realice a vontade do povo. Pergunto se pediran autorización a Saddam, a Milosevich para intervir. Por que agora peden a opinión a Indonésia?

P -Que é o que condicionou o recente cámbio de postura de Austrália e Estados Unidos, que sempre votaran contra a indepéndencia de Timor?

R -Foi sobre todo a presión da opinión pública partidária da independéncia. Os xornalistas australianos levaron probas da masacre indonésia e a opinión comezou a revoltarse. No caso de Clinton, hai un cámbio de palabras pero non de actitude; el sabe que neste momento cada minuto que pasa pérdense vidas.

P -Poderia ser unha manobra de desprestíxio da ONU.

R -É certo que asistimos a un proceso de valeiramento do poder das Nacións Unidas, pero ninguén impide ao Consello de Seguridade que tome decisións. O embaixador norteamericano en Lisboa dixo que en Kosovo, Washington apoiaba aos amigos da UE a restableceren a orde. Mais sabemos que os Estados Unidos tiveran un papel preponderante en Kosovo e que ali non houbera un referendo e en Timor si. Se a Casa Branca non quer defender a entrada das forzas de seguridade en Timor será porque están dacordo co que o exército indonésio está a facer en Timor: limpeza étnica, vinganza polo voto.

P -Cal pode ser o papel dos transmigrantes forzados por Indonésia a colonizar Timor-Leste?

R -Son indonésios pobres levados ali polo governo que cando souberon que haberia un referendo iniciaron un regreso masivo ás suas casas. Esa povoación non ten influéncia sobre a vida diária dos timorense. As milícias si. Que son as milícias? Algo semellante aos batallóns da morte de Centroamérica. Despois están os comandos do exército que actuan impunemente de xeito que a própria policia ten medo destas forzas especiais.®



[Apresentación]| [História do Conflicto]| [Actualidade]| [Enlaces]| [Solidariza-te]| [Contactar con Galiza Nova]